O Galego de Trabadelo.
O galego falado en Trabadelo enmárcase dentro do
chamado galego oriental, un conxunto de falas situadas xeográficamente ao leste
de Galicia e nas zonas limítrofes de Asturias, o Bierzo e Zamora onde
tradicionalmente fálase galego. Divídese en cinco áreas: 1) asturiana
(Eonaviego): comprende a maior parte da Terra Eo-Navia galegofalante e unha
pequena parte de Galicia. 2) ancaresa: comprende unha pequena parte do norte da
comarca do Bierzo; 3) zamorana: comprende a zona das Portelas e unha estreita
franxa galega coa que limita. 4) cacereña (Fala de Estremadura): fálase no Val
do río Ellas, en Cáceres. e 5) oriental-central: comprende unha larga franxa
galega oriental (a Fonsagrada, Cervantes, o Courel, Valdeorras e Viana do Bolo),
a maioria da comarca do Bierzo galegofalante (incluido Trabadelo) e unha pequena
parte da Terra Eo-Navia.
Como características diferenciais con respecto
ao galego normativo temos:
1) Destaca o típico diminutivo masculino
singular en -ín, cando no galego normativo é -iño. Non afecta ao feminino
singular e plural nin ao masculino plural, así o diminutivo de negro é negrín,
pero negriña, negriños, negriñas. O final en -ín tamén ocorre con sustantivos
non diminutivos, así temos muín (galego normativo muiño, castelán molino), vecín
(g.n. veciño, c. vecino), padrín (g.n. padriño, c. padrino), fucín (g.n. fuciño,
c. hocico), etc. Como excepcións atopamos camiño (c. camino) e viño (c.
vino)
2) O plural de palabras terminadas en -n é en -is, así
refrán-refrais, pantalón-pantalois. Tamén antigamente facían este plural as
palabras terminadas en -l, ainda que actualmente o fan en -les (animal-animales,
español-españoles). Quedan algunhas excepcións como rais (c. reales) e nomes de
lugar como os Currais, os Pedregais, Trigais. Existe un plural especial nunha
palabra: pe (c. pie) que fai o plural peis e non pes como o galego
normativo.
3) Persistencia da nasalidade en certas formas verbais:
cantein (g.n. cantei, c. canté), cantarein (g.n. cantarei, c. cantaré), sein (do
verbo saber; g. n. sei, c. sé)
4) Ausencia de -n- entre o verbo e o
pronome átono: haias (g.n. hainas, c. las hay), botoua (g.n. botouna, c. la
echó), colleuas (g.n. colleunas, c. las cogió)
5) Os verbos da terceira
conxugación, cuxa vocal da raíz é -a-, teñen un comportamento particular, pois
toman un -i- na primeira persoa do singular do presente de indicativo e mais en
todo o presente de subxuntivo. Así no verbo partir: partio, partes, parte,
partimos..., pero partia, partias, partia, partiámos, partiádes (partiáis),
partian. Pasa o mesmo con abrir-abrio-abria, etc.
6) Formas verbais
características: o verbo ter (c. tener) ten as formas teis, tein (g.n. tes,
teñen, c. tienes, tienen), facer (c. hacer) ten fais, fain (g.n. fas, fan, c.
haces, hacen), poñer (c. poner) ten pois, poin (g.n. pos, poñen c. pones,
ponen), vir (c. venir) ten veis, vein (g.n. ves, veñen c. vienes, vienen)
Dícese no tempo pasado por exemplo falache (g.n. falaches, c.
hablaste)
7) A acentuación do imperfecto de indicativo e do
pluscuamperfecto é mesma que a da lingua normativa: falabámos, falabáis;
falarámos, falaráis. O dialecto do Bierzo é o único dentro do galego que posúe
esta acentuación.
8) Perda, por influencia leonesa, de -d- no sufixo
-ado, sexan participios: calao, falao, estao,... ou sustantivos: prao (c.
prado), lao (c. lado), lousao (c. tejado), subiao (c. seto o mata espesa de
zarzas),... Esta perda de -d- esténdese tamén á segunda persoa plural dos verbos
(calais, falais,... ainda que hai excepcións: sodes, tedes,....) e a o
imperativo (calai, falai,...)
9) A contracción da preposición con e o
artigo a é ca e non coa como o galego normativo.
10) Conserva, como en
portugués, o grupo cua- inicial: cuatro (g. n. catro), cuando (g.n. cando),
cuanto (g.n. canto), coa execepción de calquer, calquera. Con respecto ao grupo
Gua- conviven por exemplo gadaña e guardar.
11) Vocabulario propio, xa
visto na entrada de xaneiro de 2012, ao que podemos engadir palabras propias do galego do
Bierzo como: cernada (g.n. cinza c. ceniza), concho (g.n. noz c. nuez), devecer
(g.n. adelgazar, c. adelgazar), dixoso (g.n. lixoso c. sucio, e verbo dixovar),
feixó (g.n. filloa. En Trabadelo existe a palabra filloa, pero so son as feitas
de sangue de porco), fulgueiro (g.n. fento, c. helecho), neal (g.n. niño, c.
nido), rebolo (g.n. carballo, c. roble), teso (g.n. outeiro, c. cerro, colina)
entre tantas outras.